Sunday 19 de May de 2024

Turismo Termal para a consolidación de Galicia como destino único


A directora de Turismo de Galicia, xunto co director xerente de Expourense e de Termatalia, mantivo unha reunión co xerente de Turismo Termal e Turismo de Saúde de Colombia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co director xerente de Expourense e de Termatalia, Alejandro Rubín, mantivo unha reunión co xerente de Turismo Termal e Turismo de Saúde de Colombia, Miguel Ángel Pulido. Un encontro máis que reafirma a aposta que Turismo de Galicia leva poñendo en práctica nos últimos anos polo turismo termal.

O turismo termal é unha das grandes fortalezas de Galicia como destino que está colaborando nos máximos históricos que están a acadar os datos de turistas que visitan a nosa comunidade estes últimos meses do ano.

Entre os beneficios económicos e sociais do turismo termal, destaca a súa capacidade para desestacionalizar a demanda turística e facer da nosa comunidade un destino atractivo os 365 días do ano. O volume de negocio dos balnearios galegos xera en torno aos 60.000.000 de euros e xeran 1.400 empregos directos. Solo o sector do turismo termal rexistrou en 2013 931.000 pernoitas.

Galicia é a segunda cidade europea en potencial termal, só por detrás de Budapest, en total, na nosa comunidade están catalogadas máis de 300 captacións. Existe unha afloración mineiro-medicinal por cada 10.000 habitantes, polo que a auga termal constitúe hoxe un recurso estratéxico para o desenvolvemento turístico e económico da comunidade galega. Desas máis de 300 captacións de auga mineral, máis dunha vintena teñen a cualificación de balneario, polo que Galicia ocupa a primeira posición en canto a número de establecementos balnearios a nivel nacional.

Plan Termal
O compromiso da Xunta de Galicia co termalismo plásmase tamén no Plan Termal, un específico, diseñado por Turismo de Galicia, que ten por obxecto fortalecer o sector turístico termal da provincia de Ourense e consolidar o posicionamiento de Galicia como destino termal global.

Este Plan Termal xa puxo en marcha accións coma a finalización de forma inmediata das obras do balneario de Cortegada, a conversión da Fortaleza de Monterrei -unha obra en plena execución e que rematará no primeiro cuadrimestre do ano 2015-, a creación de novas rutas turísticas -das cales xa se inaugurou o primeiro tramo da Ecovía fluvial do Támega-, o desenvolvemento da vila termal de Lobios, o convenio de colaboración para a Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago de Compostela e o Máster de Dirección e Planificación do Turismo de Interior e de Saúde, que se está a impartir na Universidade de Vigo, entre outras.

Todo este conxunto de actuacións supoñen, un empuxe fundamental para consolidar a Galicia como destino termal de referencia.

Convenio coa Deputación de Ourense
Continuando coa liña firme de apoio ao turismo termal, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense firmaron o pasado mes de novembro un convenio de colaboración que establece como obxectivo central poñer en valor turístico os recursos naturais da provincia de Ourense.

O acordo asinado establece cinco liñas de actuación principais no campo do termalismo: as infraestruturas, a promoción, o coñecemento, os novos produtos e a organización.

Neste senso, a Xunta de Galicia aposta por novos servizos diferenciados e de calidade que permitan seguir dotando a comunidade dunhas infraestruturas de primeiro nivel. Así, entre as infraestruturas polas que máis forte leva apostado a Administración podemos destacar a piscina flotante termal de Laias, Ecocaldas ou a Viña Termal de Berán.

Respecto aos novos produtos turísticos, se está a traballar nunha oferta diferencial con produtos coma o enohidroturismo na Ribeira Sacra, o Entroido Termal ou o termalismo corporativo para empresas.